Seleccionar página

Que é Iagosland?

Iagosland é unha marca centrada no deseño e desenvolvemento de proxectos creativos e culturais relacionados cunha idea temática: os viquingos en Galicia.

“Experiencias viquingas en Galicia”.

Proxecto cultural

Creemos que é preciso apostar por un uso dos nosos recursos capaces de deixar un maior valor engadido, fronte ao consumo físico dos mesmos, dentro dunha lóxica baseada na desmaterialización da economía e a aposta polo coñecemento e as TIC.

Creación editorial

Pensamos que mil anos máis tarde, as vellas lendas de invasións e épicas batallas, e todo o imaxinario vinculado aos normandos, pode sintetizarse coa tradición autóctona, trazando unha liña que vai dos fiordos surcados polos drakkars ás rías onde durmen as nosas dornas, dos escuros bosques boreais ás nosas umbrosas carballeiras, das vellas sagas ás nosas cantigas e contos populares…

Divulgación histórica

Cremos que esa temática híbrida pode servir de inspiración para o deseño de proxectos destinados ao turismo, á educación e o entretemento, dentro dunha lóxica que busca novos xeitos non destrutivos de aproveitar o noso patrimonio para a creación de experiencias únicas que, por estaren íntimamente ligadas a un momento e lugar, non poden ser deslocalizadas nin arrincadas do seu contexto.

Experiencias vivenciais

Por que Iagosland?

Hoxe en día o tema dos piratas normandos volve estar de actualidade, en gran medida grazas a series como Vikings. Poucos saben, no entanto, que Björn Costado de Ferro, fillo do protagonista da serie, Ragnar Lodbrok, pisou as praias galegas.
O certo é que Galicia -chamada por eles Jakobsland, a terra de Santiago-, foi un territorio ambicionado polos homes do norte, que puxeron proa ás nosas costas atraídos polas lendas que falaban da riqueza que gardaba o santuario do Apóstolo. Crese que ata chegaron a planear a fundación na nosa terra dunha Normandía do Sur, un posto avanzado para as súas incursións contra o emirato de Córdoba e os países do Mediterráneo.
Malia que as súas pegadas na area foron varridas por séculos de mareas, nos nosos montes aínda quedan recintos defensivos a donde acudían a refuxiarse os atemorizados aldeanos e torres desde onde hachones ardentes daban a voz de alarma de que se achegaban as serpes do mar.A estas construcións hai que sumar as Torres de Oeste, que gardaban como dúas sentinelas a foz do Ulla; os restos da fortaleza de A Lanzada; e máis algúns achados recentes, como o posible conxunto de mota e porto normando atopado baixo as areas de Os Moutillós, en O Vicedo, que constituiría o único achado deste tipo da que se ten noticia fóra das Illas Británicas. Ademais, o propio emprazamento da sede Episcopal de Santiago é consecuencia dos continuos ataques que asolaron as nosas costas.
Máis aló dos restos materiais, o rastro dos viquingos en Galicia aparece tamén na tradición oral: en lendas como a do Bispo de Bretoña, cuxas pregarias desataron unha tempestade que se abateu sobre as velas que chegaban desde o norte, ou a que narra a maldición que o bispo San Rosendo lanzou sobre o seu rival Sisnando, augurándolle unha morte baixo o ferro das armas, que tivo lugar anos despois na batalla de Fornelos cando o prelado trataba de conter as hordas de Gunderedo; ou a relación das xestas de San Olaf, máis tarde Rei de Noruega, que veu primeiro como pirata e despois como peregrino.

 

Eran os tempos dourados en que o vello Reino de Galicia -berce de Reis e Raíñas coroados en Santiago e asentados en León- florecía co influxo dos moitos camiños que afluían a Compostela, para acadar seu apoxeo xusto ao final desta etapa, cando Xelmírez, co fin de protexer o pujante comercio atlántico, armou a primeira flota cristiá da península e o Mestre Mateo rematou de esculpir o Pórtico da Gloria.

Mil anos despois, atopámonos ante novos retos, que teñen que ver coa necesidade de desenvolvermos un novo modelo produtivo que poida aportar un maior valor engadido e facer un uso sostible dos nosos recursos. No caso de Galicia enfrontámonos ademais á urxencia de crearmos novas oportunidades de emprego no mundo rural, para revertirmos o declive demográfico da nosa comunidade e xerar focos de atracción de novos talentos.

Nese sentido, o deseño e a creación de experiencias únicas baseadas na posta en valor dos nosos recursos paisaxísticos e culturais parécenos unha potente alternativa nun mundo cada vez máis presionado pola competencia de mercados emerxentes e a homologación da global. En Iagosland estamos convencidos que o noso maior capital é a nosa historia, a nosa tradición e a nosa contorna natural, ingredientes que, sumados a unha aposta pola economía do coñecemento e as TIC, permiten crear un cóctel único que só pode saborearse in situ e non se esgotará nunca.

 

En última instancia, móvenos o soño romántico de remontarmos nunha estreita e silandeira nave o maxestoso esteiro de Arousa ou o manso río Miño. Parécenos un modo magnífico de viaxarmos a un periodo apaixonante da nosa historia, e ao mesmo tempo internarmonos no máis íntimo da nosa terra; redescubrindo o valor do seu patrimonio material e inmaterial, a súa riqueza paisaxística e cultural, a súa tradición oral e artística. Estamos convencidos de que Galicia, Terra de Iacobus e País dos Mil Ríos, é na verdade un país cheo de tesouros que ben valen unha tormentosa travesía, un país de lenda, neste caso, de saga…

Que facemos?

Productos dixitais descargables

Para o seu uso dixital ou impresión doméstica
  • E-books, apps e book apps
  • Pósters
  • Xogos Print & Play (descargables e imprimibles na casa)
  • Clip arts
  • Xoguetes recortables / pregables en papel.

Actividades

Experiencias viquingas
  • Cursos e charlas sobre o tema dos vikingos en Galicia.
  • Obradoiros de deseño inspirado na arte medieval, tanto galega como escandinava.
  • Experiencias ao aire libre dirixidas ao ámbito do ensino, o entretemento ou o turismo: rutas guiadas, eventos temáticos, xogos de rol en vivo, performances, etc.

Quen somos nós?

Pablo Culebras

Pablo Culebras

Creador de proxectos multimedia e deseñador gráfico

Tras licenciarse en Comunicación Audiovisual pola Universidad Complutense de Madrid e a Università degli Studi dei Bologna, comezou a súa carreira como ilustrador, animador e creador de contidos en Milán. En 2010 volveu a Galicia, onde comezou a interesarse polas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías no ámbito do turismo, a educación e o entretemento.

Desde sempre foi afeccionado ao estudo da historia, a natureza e o folklore da súa terra; materias que emprega como fonte de inspiración para a súa outra gran paixón: a creación de historias, contidos interactivos e mundos imaxinarios a través de distintos soportes.

Rubén Terré

Rubén Terré

Historiador e Xestor Cultural

Rubén Terré é Licenciado en Historia con especialización en Historia medieval pola Universidade de Santiago de Compostela. En 2014 completou un Curso de Xestión Cultural na USC e actualmente atópase terminando un ciclo de Técnico en Preimpresión Dixital. Tamén ten coñecementos de deseño e de marketing dixital.

Apaixonado do mundo viquingo, dedicoulle a esta temática a súa primeira obra, Os viquingos na Comarca do Salnés.

Contacta connosco

9 + 10 =

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación das nosas política de cookies, pinche na ligazón para maior información.plugin cookies