Seleccionar página

 

En 1066 morre o rei Eduardo o Confesor sen herdeiro, polo que se fixo inevitable que os diferentes señores que tiñan opcións a ocupar o reino de Inglaterra loitaran entre si pola coroa. Entre estes houbo catro con máis posibilidades: Harold Godwin, Guillerme o Conquistador, Tostig Godwin e Harald Hardrada. De entre eles o primeiro, Harold, asumiu directamente a coroa e tomou o poder do reino, facendo os preparativos para defendelo do resto dos pretendentes que viñan de fora.

As loitas foron sucedéndose ao longo de todo o ano, Harold fixo fronte preto de York a Harald Hardrada de Noruega e Tostig que morreron nos enfrontamentos da Batalla de Stamford Bridge, o 25 de setembro do 1066. Coñecida por ser a derradeira batalla con tácticas viquingas por ámbolos dous bandos. Unha vitoria que levoulle unha gran cantidade de tropas e provisións. Un par de semanas máis tarde tivo novas da chegada de Guillerme o Conquistador de Normandía que atravesara o Canle da Mancha e desembarcara nas costas de Kent cun exercito que se estima en máis de 6000 homes. O rei Harold reuniu as tropas e fixo marchas forzadas para chegar canto antes a facer fronte ao que el vira como un novo invasor.

batalla-de-hastings

Na mañá do 14 de outubro de 1066, nun val a uns 11 km de Hasting atopáronse as tropas de Harold e Guillerme. As cifras que se expoñen sobre o número de unidades de cada exercito son totalmente especulativas, aínda así polos relatos que temos da época, como o do cronista Guillerme de Potiers ou a marabillosa representación gráfica do tapiz de Bayeux, lévanos a pensar que realmente debéronse de xuntar máis de 6000 ou 7000 unidades por cada bando. As forzas dos normandos estaban formadas por unha gran cantidade de cabalería armada con lanzas e espadas máis unha mistura de infantería armada con arcos e frechas. O resultado é un exercito áxil e dinámico. Pola contra, os ingleses de Harold loitaban da forma tradicional viquinga do muro de escudos (synfilking), unha formación máis estática. A súas armas eran as machadas danesas, as lanzas e as espadas. A cabalería inglesa non estaba preparada para o combate polo que a usaban para o transporte máis que para a guerra. Na vangarda colocábanse as unidades mellor armadas, que ofrecían mellor resistencia aos embates do inimigo. Os grandes señores e o rei Harold situábanse detrás xunto cos seus Housecards (tropas de elite domesticas do rei).

Guillerme dividiu o seu exercito en tres partes con tres liñas de unidades, a primeira de arqueiros, a segunda de cabalería pesada e a última de cabalería lixeira, deixando as divisións laterais para os seus aliados bretóns (esquerda) e franceses (dereita).

Aínda que o inicio da batalla foi terrible para os normandos, xa que non eran quen de traspasar o muro de escudos, Guillerme decidiu cambiar de estratexia e mandou aos arqueiros a acosar de forma sincronizada coa cabalería pesada a formación en synfilking dos de Harold, de tal xeito que cando conseguía facer brecha nas liñas inglesas iniciaban unha falsa retirada que daba orixe a unha nova chuvia de frechas. Deste modo e grazas a axilidade das tropas normandas o rei Guillerme o Conquistador venceu as tropas inglesas de Harold Godwin, a vitoria foi dura de alcanzar e levou até o fin do día. O propio rei Harold foi abatido en combate dun frechazo na cara.

Coa conquista do trono de Inglaterra por parte de Guillerme o Conquistador ponse fin a sucesión ao trono e a unha etapa da historia europea. Moitos historiadores coinciden en que esta batalla da o punto final a Era Viquinga (793-1066), unha época que mudaría por completo a cultura, a política e a economía da meirande parte de Europa. Esta semana estase a festexar o 950 aniversario deste acontecemento e nos desde Iagosland.com queremos unirnos ao resto da comunidade viquinga europea e conmemorar esta data tan significativa para os admiradores da cultura viquinga.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación das nosas política de cookies, pinche na ligazón para maior información.plugin cookies