Seleccionar página

 

 Os momentos de transición, inflexión ou cambio, como o mencer ou o solpor, os solsticios ou os equinocios, teñen especial relevancia no folclore de tódolos pobos da terra. Entre os antigos nórdicos, que vivían en latitudes onde só existían dúas estacións, o equinocio de outono marcaba o punto de equilibrio entre a luz e a escuridade, o limiar entre a estación cálida e a estación fría.Entón, cando as forzas da luz e as tebras están equilibradas, terminábanse de colleitar os froitos maduros e as follas das árbores comezaban a decaer. Os bos espíritos da terra dispúñanse a entrar en hibernación, xusto antes de que os seus equivalentes malignos aproveitasen a longa noite do ano para facerse os donos do mundo.
Antes de sucumbir tralos confins do mundo, o sol, aliñado co oeste, lanzaba a última chamada para aqueles que se demoraban nas súas expedicións de verán, lembrándolles que debían estar de volta para a Vetrnætr, a noite das vésperas de inverno, a finais de outubro, cando os barcos gardábanse volteados a resgardo das mareas.
Nesta época, o lume, como vicario do sol, fillo do seu mesmo sangue, adquiría un valor fundamental. Era o recordo do gran astro e á vez a promesa do seu retorno. Tamén as follas das árbores, vestidas coa cor das chamas, despedían o verán, que agonizaba no leito ensanguentado dos ceos. Entón saía a lúa chea, vermella como nunca (1), e acendíase a gran fogueira común, antes de que todos os demais lumes foran apagados. Así comezaba o Haust blót (2), en que se honraba aos deuses Freya e Freyr, Señora e Señor da natureza, a vida e a rexeneración; e a toda a súa corte de elfos. O corno de hidromel pasaba de man en man e era finalmente derramado sobre a terra (3), para devolver unha parte dos bens recibidos aos espíritos do lugar, os landvaettir, e aos devanceiros, que velaban pola prosperidade do clan e traballaban a terra á súa maneira durante os fríos meses de inverno, no tempo investido dos espectros (4).

(1) De tódalas lúas cheas do ano, esta, chamada en moitos lugares aínda “lúa da colleita” ou “lúa dos cazadores”, é a que sae máis cedo tralo solpor, o que permitía aos agricultores e aos cazadores prolongar a súa actividade. Ao saír antes, aparecía máis baixa no horizonte, e por efecto da atmosfera percibíase como de maior tamaño e unha cor máis avermellada.
(2) “Sacrificio da colleita” ou “Sacrificio de outono”.
(3) Para os antigos nórdicos, recibir algo implicaba sempre dar algo a cambio, e deste xeito agradecían os bens cultivados. Curiosamente, en Asturias existe o costume de arroxar ao chan o último grolo de sidra. Non se dá unha explicación racional para este fenómeno, e pode ser que estea relacionado cunha tradición de ofrendas á terra polos froitos da colleita. A fin de contas, o outono era tamén a época da recolección das mazás.

haustblotsunset

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación das nosas política de cookies, pinche na ligazón para maior información.plugin cookies